martes, 28 de abril de 2009

DOAZÓN DOS DEREITOS DE AUTOR DA OBRA DE XESUS R. JARES

O pasado 30 de xaneiro, coincidindo coa conmemoración do Día Escolar pola Paz, as comunidades educativas de Viana do Bolo, Vilariño e a Veiga uníamonos nunha homenaxe pública ao profesor vianés Xesús R. Jares, falecido no mes de setembro, despois dunha dura loita contra a enfermidade.

Investigador e pedagogo de recoñecido prestixo e fundador do colectivo Educadores pola Paz, que este ano cumpre 26 anos de existencia, Xesús R. Jares, é un nome esencial na historia da pedagoxía e dos movementos de renovación educativa.

A nosa relación profesional con el iniciouse no ano 2002, momento no que, conxuntamente co CEIP Bibei, constituíamos un grupo de traballo para tratar a problemática da conflitividade no ámbito escolar. Coordinaba naquel momento o programa educativo municipal “Aprender a Convivir” do Concello de Vigo. El foi quen, por primeira vez, nos mostrou a posibilidade de abordar os conflitos mediante a mediación escolar, que cristalizaría finalmente na constitución do equipo de mediación escolar actualmente existente no noso centro. Dende entón nunca deixou de estar xunto a nós, invitándonos a participar nos actos que organizaba, adicándonos os seus libros, ensinándonos e animándonos a traballar pola paz e a mellora da convivencia.

A súa viúva, Paz Raña e a súa filla, Sira, decidiron donar ás comunidades educativas desta zona os dereitos de autor da súa obra durante o pasado ano, expresando o seu desexo de que contribúan ao fomento da Cultura de Paz. Esta doazón materializouse nun acto que tivo lugar o luns 27 de abril na Aula Magna Xesús R. Jares do I.E.S. Carlos Casares. No caso deste centro, por acordo do seu Consello Escolar, os fondos recibidos contribuirán a sufraga-los gastos do curso de formación de mediadores, que se imparte anualmente, e a financiar unha das becas da U.E. Timoteo Rondales de Bermejo, hermanada co instituto. Esta beca destinarase a realización de estudos de maxisterio ou pedagoxía co propósito de levar alí as ensinanzas de Jares neste campo.

No transcurso deste acto, Paz Raña puido escoitar as palabras de agracedemento que lle dirixiron dende esta comunidade educativa pola súa xenerosidade. Visiblemente emocionada, asegurou que Suso, que coñecía e amaba profundamente América latina, mostraríase moi satisfeito e feliz con esta aportación.


Tal como indicou o director do centro, Luis Fernández, confiamos deste xeito compartir o seu sentir e poder contribuír aos camiños da paz aos que el fai referencia na introducción do seu último libro publicado Educación e Paz. I : “ Porque os camiños da paz son sinónimos de compromisos, de accións, de reflexións, de estudos, etc., máis tamén de comunicación, de entrega, de tenrura, de afecto, de amor , de solidariedade, de reciprocidade. Son camiños para compartir e recoñecer, para acompañar e estar acompañado. Camiños que veñen de moi lonxe, desde moi diferentes xeografías e espazos socioculturais”.

Xesús R. Jares soubo transmitir como ninguén a súa paixón pola educación e a convicción de que , a través dela, podemos contribuír a un mundo mellor. Hoxe podemos constatar, agradecidos, que segue a conseguilo.

Por Susana Fernández.

Saber máis desta e outras novas do instituto.