miércoles, 2 de septiembre de 2009

Seminario de Guatemala

No blog do proxecto Bermejo - Viana, http://proyectobermejoviana.spaces.live.com/, podes seguir o Seminario en Antigua no que participan os catorce centros premiados no "I Premio Nacional de Educación para el desarrollo", convocado pola AECID xunto co Ministerio de Educación.

Os enlaces directos dentro do blog do proxecto Bermejo - Viana son os seguintes:


novas do Seminario de Guatemala

reportaxe fotográfica

jueves, 13 de agosto de 2009

Fallados os "PREMIOS NACIONALES DE EDUCACIÓN PARA EL DESARROLLO"

O traballo desenvolvido dende o IES Carlos Casares de Viana do Bolo vén de ser recoñecido logo de obter o "Premio Nacional de Educación para el Desarrollo" na súa primeira edición, convocado pola AECID xunto co Ministerio de Educación, e compartido con outros catorce centros educativos do estado. Parabéns a todos os premiados (saber máis ...)

AECID (comunicado)

Prensa dixital: 1 2 3 4 5

lunes, 13 de julio de 2009

Unha rapaza sobresaliente

O venres 10 de xullo de 2009, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a USC recoñeceu o traballo dos case 400 mozos e mozas de Galicia que obtiveron sobresaliente nas probas de acceso á universidade.

Alí estivo a nosa alumna Marta Blanco Fernández, acompañada da súa nai Carmen, da súa tía María e do director do instituto Luis Fernández. Foi un acto emotivo no que se pretendeu recoñecer a excelencia dos mozos e mozas galegos. Cabe sinalar que de cada 3 sobresalientes, 2 cooresponderon a rapazas.

Parabéns, Marta. Foi un placer e un orgullo para este instituto terte como alumna.

Novas dende Bermejo (Bolivia)

Avanza a bo ritmo a obra da nova escola secundaria de Bermejo (Bolivia), financiada por "Cooperación Galega" e coa colaboración do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. (Saber máis...)
De esquerda a dereita: Carlos Ferreiro (vicedirector do IES Carlos Casares de Viana do Bolo), Judith González Gamallo (voluntaria do centro vianés) e Arcil Arroyo, mestre e presidente da asociación "Escuelas de la Tierra- Bolivia".

martes, 23 de junio de 2009

II Feira das Ciencias

Volveron os experimentos científicos ó noso instituto, este ano tamén cunha morea de curiosidades: mestura de cores, xogos con artiluxios de metal que esgotan a lóxica de calquera, medidas grazas a Thales e á proporción, caraveis que cambian de cor, xamón e queixo con almidón, centros de gravidade que nos sorprenden, baricentros misteriosos, mesturas que cambian de cor segundo as axitemos ou non, manexo dun miniencoro, traballos coa presión do aire, cementos impenetrables, observando os principios da refracción, construindo un volcán, atopando puntos cegos na visión, escalas de cores na pigmentación dos vexetais, bautizando o viño... En fin, que todos os visitantes que tivemos o pasaron ben indo de posto en posto e atentos ás explicacións de todos os monitores (ver galería de fotos).


domingo, 7 de junio de 2009

Premio IES Carlos Casares - Fundación Endesa

Antía Míguez, alumna de 2º de Bacharelato do IES Illa de Tambo (Marín) vén de gañar o premio IES Carlos Casares - Fundación Endesa de Redacción Científica e Tecnolóxica sobre Enerxías Limpas e Aforro Enerxético, galardón dotado con 500 €.

Este premio foi entregado por Ramón Laguna Blasco, director de Producción Hidráulica do Noroeste de Endesa, nun acto celebrado no IES Carlos Casares, no que tamén se inauguraron as obras de mellora da biblioteca do instituto que foron levadas a cabo gracias á aportación económica da Fundación Endesa.

Lectura dos textos "Defensa de la alegría" (Mario Benedetti) e "Un animal no bosque" (Carlos Casares) na biblioteca do IES Carlos Casares.

Novas na prensa dixital relacionadas co Premio IES Carlos Casares - Fundación Endesa

Diario "La Región"

Diario "La Voz de Galicia" (Pontevedra)

Diario "La Voz de Galicia" (Arousa)

Diario "La Voz de Galicia" (Ourense)

Diario "La Voz de Galicia" (Ourense)

sábado, 6 de junio de 2009

Era unha festa

Froito da colaboración entre o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua e Literatura Galega do IES Carlos Casares de Viana do Bolo nace este corto, como homenaxe a unha profesión xa case desaparecida e como lembranza duns tempos difíciles para unha persoa cega, nos que poucas alternativas tiña, sendo unha delas a música.

miércoles, 3 de junio de 2009

Exposición Fotografía Matemática

Todo un éxito a exposición coas instantáneas do "V Concurso de Fotografía Matemática" organizado polo Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Ata fin de mes seguirá exposta no instituto.

Este ano decidimos abrir a convocatoria ó alumnado da nosa escola irmandada "U. E. Timoteo Rondales" de Bermejo, Bolivia. Para facilitar a súa participación o IES Carlos Casares dotou ó centro boliviano cunha cámara dixital e desenvolveu un curso de formación na escola cruceña.



Nota de prensa (LaRegion.es)

lunes, 1 de junio de 2009

Nova promoción de Bachareles

Un ano máis, unha promoción máis. Dade firmemente ese paso adiante que agora precisades dar e que o voso traballo e toda a sorte que vos desexamos se confabulen para conseguir que sexades felices (ver fotos).

sábado, 30 de mayo de 2009

Fallado o "II Certame de relato curto O CONTO DA VIDA"

Reunido o xurado deste "II Certame de relato curto O CONTO DA VIDA", decide premiar os seguintes autores e traballos:

Categoría A

1º premio: Inés Ortega, por "Memorias duns tempos difíciles"
2º preimo: Araceli Macías García, por "O avó"
3º premio: Lorena Prieto Fernández, por "A prisioneira dos pensamentos"

Categoría B

1º premio: Pablo Alonso Rodríguez, por "A noite infinda"
2º premio: Pablo Sánchez González, por "Crime na mansión"
3º premio: Álvaro Bermúdez Yáñez, por "Horizonte relativo"

A entrega de premios faráse durante algún dos descansos das obras de teatro da Mostra deste ano e os traballos gañadores publicaranse nesta revista, no "Cantón literario". Felicidades non só ós premiados senón a todos os participantes, e ata a terceira edición.

martes, 26 de mayo de 2009

O Dpto. de Orientación informa: FUTURO PROFESIONAL

Enlace de interese para os alumnos de 2º BAC sobre o seu futuro académico (titulacións con máis saídas, consellos para o exame de selectividade...). Visita www.yaq.es.

lunes, 25 de mayo de 2009

V Mostra de Teatro Escolar

Xa chegou o momento de desfrutar co teatro. Neste 2009 a "V Mostra de Teatro Escolar Viana do Bolo" achegaranos de novo ó teatro para todos e todas do 15 ó 19 de xuño, na Casa da Cultura de Viana do Bolo, e en horario de 09:30 a 14:00 horas. De novo os centros escolares máis próximos ó Carlos Casares (tanto en distancia coma en espírito teatreiro) se darán cita entre "bambalinas".
Ver programa de actuacións.

viernes, 22 de mayo de 2009

Fallado o "V Concurso de Fotografía Matemática"

Non foi fácil, non. O certo é que as primeiras palabras teñen que ser de felicitación para todos os rapaces e rapazas que participastes neste certame que xa vai pola súa quinta edición. Os traballos moi ben logrados, meditados... e acertados! Seguide así, nunca deixedes de observar arredor de vós, pois, como ben sabedes, hai esceas que só se poden captar nun intre e o importante é estar no momento oportuno. Parabéns a todos e todas.

Pero había que escoller dous traballos, e insistimos que foi difícil.

Pola calidade e temática das fotos, mesmo a cantidade, e a orixinal presentación, outorgamos o primeiro premio ó traballo presentado por Lois González, de 1º ESO B.
Ver 1º premio completo



1º premio
"Os rectángulos e os círculos valen máis do que pensabamos", de Lois González

Pola definición e calidade da imaxe, o acertado do tema e a perfecta execuciónda fotografía, outorgamos o segundo premio ó traballo presentado por Nuria Álvarez, de 2º BAC.
Ver 2º premio


2º premio

"Simetría vianesa" de Nuria Álvarez

Facendo click aquí, podedes ver todos os traballos presentados a concurso. Tamén estarán expostos todos os traballos no instituto a partires de mañá.

De novo parabéns ós participantes e ata a VI convocatoria.

Prensa dixital: "La Voz de Galicia"

Por Dpto. de Matemáticas.

martes, 28 de abril de 2009

DOAZÓN DOS DEREITOS DE AUTOR DA OBRA DE XESUS R. JARES

O pasado 30 de xaneiro, coincidindo coa conmemoración do Día Escolar pola Paz, as comunidades educativas de Viana do Bolo, Vilariño e a Veiga uníamonos nunha homenaxe pública ao profesor vianés Xesús R. Jares, falecido no mes de setembro, despois dunha dura loita contra a enfermidade.

Investigador e pedagogo de recoñecido prestixo e fundador do colectivo Educadores pola Paz, que este ano cumpre 26 anos de existencia, Xesús R. Jares, é un nome esencial na historia da pedagoxía e dos movementos de renovación educativa.

A nosa relación profesional con el iniciouse no ano 2002, momento no que, conxuntamente co CEIP Bibei, constituíamos un grupo de traballo para tratar a problemática da conflitividade no ámbito escolar. Coordinaba naquel momento o programa educativo municipal “Aprender a Convivir” do Concello de Vigo. El foi quen, por primeira vez, nos mostrou a posibilidade de abordar os conflitos mediante a mediación escolar, que cristalizaría finalmente na constitución do equipo de mediación escolar actualmente existente no noso centro. Dende entón nunca deixou de estar xunto a nós, invitándonos a participar nos actos que organizaba, adicándonos os seus libros, ensinándonos e animándonos a traballar pola paz e a mellora da convivencia.

A súa viúva, Paz Raña e a súa filla, Sira, decidiron donar ás comunidades educativas desta zona os dereitos de autor da súa obra durante o pasado ano, expresando o seu desexo de que contribúan ao fomento da Cultura de Paz. Esta doazón materializouse nun acto que tivo lugar o luns 27 de abril na Aula Magna Xesús R. Jares do I.E.S. Carlos Casares. No caso deste centro, por acordo do seu Consello Escolar, os fondos recibidos contribuirán a sufraga-los gastos do curso de formación de mediadores, que se imparte anualmente, e a financiar unha das becas da U.E. Timoteo Rondales de Bermejo, hermanada co instituto. Esta beca destinarase a realización de estudos de maxisterio ou pedagoxía co propósito de levar alí as ensinanzas de Jares neste campo.

No transcurso deste acto, Paz Raña puido escoitar as palabras de agracedemento que lle dirixiron dende esta comunidade educativa pola súa xenerosidade. Visiblemente emocionada, asegurou que Suso, que coñecía e amaba profundamente América latina, mostraríase moi satisfeito e feliz con esta aportación.


Tal como indicou o director do centro, Luis Fernández, confiamos deste xeito compartir o seu sentir e poder contribuír aos camiños da paz aos que el fai referencia na introducción do seu último libro publicado Educación e Paz. I : “ Porque os camiños da paz son sinónimos de compromisos, de accións, de reflexións, de estudos, etc., máis tamén de comunicación, de entrega, de tenrura, de afecto, de amor , de solidariedade, de reciprocidade. Son camiños para compartir e recoñecer, para acompañar e estar acompañado. Camiños que veñen de moi lonxe, desde moi diferentes xeografías e espazos socioculturais”.

Xesús R. Jares soubo transmitir como ninguén a súa paixón pola educación e a convicción de que , a través dela, podemos contribuír a un mundo mellor. Hoxe podemos constatar, agradecidos, que segue a conseguilo.

Por Susana Fernández.

Saber máis desta e outras novas do instituto.

lunes, 27 de abril de 2009

CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN

Realmente coñeces a taxa de analfabetismo a nivel mundial? Todos temos as mesmas oportunidades de recibir unha educación en valores? Realmente a educación é en valores? Procurar o ensino primario gratuito e obrigatorio en todo o mundo, aumentar os niveis de alfabetización en adultos nun 50% ou suprimir as barreiras sexistas no ensino, son obxectivos ambiciosos ou son obxectivos de primeira necesidade? A pasada semana, coa Campaña Mundial pola Educación como telón de fondo, debatemos sobre estas e outras cuestións. Saber máis...

lunes, 6 de abril de 2009

II Certame de relato curto "O CONTO DA VIDA"

Logo da posta en marcha o pasado curso deste certame literario, o ENDL vén de publicar a convocatoria para a segunda edición do mesmo. Desta volta vai dirixida a rapaces e rapazas que cursen ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos ou PCPI en centros educativos galegos. Podedes consultar aquí as bases. Animádesvos a participar?

V Concurso de FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA



O Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) vén de convocar a quinta edición do seu concurso "Fotografía Matemática" (ver bases) para alumnos e alumnas do instituto vianés. Colle a túa cámara e observa. Hai moita matemática arredor de ti. Enfoca e... dispara!

jueves, 5 de marzo de 2009

En clave de igualdade

Marta Blanco Fernández, de 2º de Bacharelato, vén de obter o terceiro premio no concurso "- es +, cine para ser la voz de quienes callan" cun impactante e comprometido guión. Este certame, organizado polo "Ministerio de Iguladad", profunda nun problema tan real coma intolerable: o maltrato.

Dende o ENDL do teu instituto, parabéns!

Ver corto "Sinrazón"
Ver todos os cortos premiados
Novas publicadas noutros medios: 1 2 3
Galería de imaxes